Saturday 29 de June de 2024

San Sadurniño convoca unha praza temporal de auxiliar de administración


As persoas aspirantes poden botar as instancias ata o luns que vén

O Boletín Oficial da Provincia publicou o martes pasado o anuncio do Concello de San Sadurniño conforme se convoca unha praza de auxiliar de administración con carácter temporal por acumulación de tarefas. No anuncio sinálase a necesidade urxente de cubrir o posto para desempeñar funcións nas oficinas xerais durante un período de nove meses e, neste sentido, coa finalidade de poder iniciar canto antes o proceso selectivo, danse cinco días hábiles desde hoxe -data en que o anuncio saíu tamén no DOG– para presentar as instancias xunto co xustificante do pagamento dos dereitos de exame.

O procedemento selectivo levarase a cabo mediante concurso oposición. Para participar nel hai que ter feitos os 16 anos, ter nacionalidade española ou estar nos outros supostos que permiten o acceso á Función pública, contar coa titulación en ESO ou equivalente e, ademais, non ter sido obxecto de expedientes disciplinarios que supuxesen separación do posto ou inhabilitación para traballar no Sector Público.

Ademais da solicitude -dispoñible no propio anuncio do BOP- haberá que achegar copia do DNI, da titulación e da documentación relativa aos méritos e o resgardo dos 12,31€ dos dereitos de exame. Quen dispoña do CELGA 3 ou equivalente tamén deberá achegalo, posto que desta maneira xa non terá que pasar a proba específica para acreditar o coñecemento da lingua galega.

A praza que se convoca é para desenvolver labores auxiliares de administración nas dependencias xerais do Concello. Un perfil encadrado no Grupo C2, con nivel 12 e un complemento específico de 168,17€ mensuais.

No apartado de oposición, que outorgará un máximo de 60 puntos, farase unha proba teórica con 30 preguntas extraídas dun total de 17 temas (figuran ao final do anuncio). Cada pregunta acertada sumará 2 puntos, mentres que as erradas restarán 0,50 e as que se deixen en branco 0,25. Para aprobar fará falla sumar polo menos 30 puntos. Se non se acredita o coñecemento de galego tamén se deberá superar a proba correspondente, que é de carácter eliminatorio.

Xa na fase de concurso valorarase a formación relacionada co posto a maiores da requirida ou por cursos (ata 20 puntos) e tamén a experiencia laboral, coa que se poderán obter de tope outros 20 puntos.

Coma en calquera oposición, quen sume máis puntos será quen acceda ao posto de traballo ofertado polo Concello para un período máximo de 9 meses, coa finalidade de reforzar puntualmente o departamento de Administración xeral.

Cómpre ter en conta, porén, que deste proceso selectivo tamén se derivará unha bolsa á que o consistorio poderá acudir para futuras contratacións de persoal auxiliar de administración do Grupo C2.

O prazo de presentación de instancias é de 5 días hábiles, contados desde este 11 de xuño (incluído), de maneira que o último día é o luns 17 de xuño. O trámite pode facerse a través da Sede Electrónica municipal, presencialmente no Concello ou por calquera dos outros medios previstos na normativa.